As Xuventudes Socialistas de Galicia presentaron este mércores en Ourense, na praza maior, a campaña “APPosta. Ti perdes, eles gañan” na cal denuncian a inexistente regulación do xogo en Galicia e os vínculos familiares e amistosos que unen á patronal co PPdeG

Xurxo Doval, secretario xeral, sinalou que “mentres o país queda desatendido polo “parchís” popular, os socialistas estamos a traballar nun proxecto de lei para regular as apostas, onde Rueda deberá decidir ser verdugo doutra xeración de mozos e mozas ou Presidente do país”

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022

As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) presentaron este mércores en Ourense a campaña “APPosta. Ti perdes, eles gañan” na cal denuncian a inexistente regulación do xogo en Galicia e os vínculos familiares e amistosos que unen á patronal co PPdeG.

A dirección nacional da organización, encabezada por Xurxo Doval, achegouse ata a cidade termal para realizar un reparto explicativo xunto cos compañeiros/as de XSG-Ourense e a secretaria xeral local do PSdeG, Natalia G. Benitez.

Dende a organización moza critican “a falta de acción política por parte da Xunta de Galicia para modificar unha lei que leva inalterada dende os anos 80, cando a situación do xogo transformouse completamente”.

Según eles, non lles estraña dado que “o presidente da patronal galega, AGEO, é o marido dunha recoñecida parlamentaria popular pontevedresa e ten colaborado activamente en encontros políticos de Rueda”.

Iván Losada, secretario de organización local, amosou “a preocupación da organización polo incremento dos casos vinculados á ludopatía na mocidade dentro dun mercado que xerou 20883,3 millóns de euros no 2021”.

O mozo socialistas engadiu que “nesta cidade, as 14 casas de apostas oficiais concéntranse en barrios humildes e no centro, na contorna de parques e centros escolares. Ademais, tamén existen 529 establecementos hostaleiros onde a mocidade acostuma acudir (o 70% das veces) porque non piden DNI. Hai unha máquina física por cada 493 ourensáns”.

Natalia G. Beneitez, lembrou que ” o ano pasado xa na cidade se intentara impulsar un Programa de Prevención contra a ludopatía pero nin DO nin o PPdeG apoairon a iniciativa”. “O PsdeG de Ourense súmase á nova lei que se presentará no Parlamento”.

Xurxo Doval, secretario xeral nacional, informou da gravidade que supón que “a media de idade se estea a reducir da veitena e que un 2% dos menores estea en risco de ludopatía”. “Estamos a falar dunha adicción moi forte xerada por un virus chamado PPdeG, que protexe a unha rede familiar e clientelar como é a da patronal do xogo”.

Doval sinalou que “mentres o país queda desatendido polo “parchís” popular, os socialistas estamos a traballar nun proxecto de lei para regular as apostas, e Rueda deberá decidir se ser verdugo dunha xeración de mozos e mozas, ou Presidente do país”.

O líder socialista rematou reafirmando o “compromiso da organización coa mocidade galega cun proxecto de lei ambicioso, nado do diálogo e aportacións cos axentes sociais e a forte atención do PSdeG e do seu secretario xeral, Valentín G. Formoso”. “Non imos deixar que outra xeración de galegos/as sexa vítima dunha forte adicción”.

Xuventudes Socialistas de Galicia

Rolda de prensa