As Xuventudes Socialistas de Galicia realizaron a pasada semana o seu III Congreso Provincial Ordinario onde o lucense David Vázquez Zapata, ficou proclamado coordinador provincial baixo o compromiso de “traballar cóbado con cóbado coas agrupacións municipais para que dende os concellos e a Deputación poidamos facer fronte aos problemas da mocidade”

Xurxo Doval, secretario xeral nacional, advertiu que “Lugo merece ser unha terra de oportunidade para a xuventude e iso pasa por unhas mellores infraestruras e asequibilidade nos transportes”

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022

As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) realizaron a pasada semana o seu III Congreso Provincial Ordinario onde o lucense David Vázquez Zapata, ficou proclamado coordinador provincial baixo o compromiso de “traballar cóbado con cóbado coas agrupacións municipais para que dende os concellos e a Deputación poidamos facer fronte aos problemas da mocidade”.

O encontro contou coa presenza dos compañeiros/as da agrupación provincial de Lugo; o secretario xeral nacional, Xurxo Doval; e o ex-coordinador provincial, Martín Mejuto quen agradeceu a confianza depositada nos últimos anos marcados pola pandemia da Covid-19.

O novo coordinador, David Vázquez, destacou “as políticas socialistas aplicadas dende o goberno central, como dende a deputación, para fomentar o emprego e a posibilidade de proxectos vitais de futuro nunha terra agrogandeira e pesqueira”.

O mozo socialista sinalou que “cómpre actuar ante o inmobilismo da Xunta en materia laboral, de saúde mental e educación, sobre todo cando nesta última lávase as mans ao delegar nos concellos funcións que non lle corresponden sobrecargándoos”.

Xurxo Doval, secretario xeral nacional, pediulle ao novo coordinador que sexa “a voz a dunha xuventude cansa de resignarse ante as complicacións socio-económicas por mor da pasividade da Xunta de Galicia”.

O mozo socialista advertiu que “Lugo merece ser unha terra de oportunidade para a xuventude e iso pasa por unhas mellores infraestruras e asequibilidade nos transportes”. “Imos facer o necesario para que Rueda entenda que as necesidades do país van máis aló dunha tarxeta de fidelización a Novas Xeracións”.

Xuventudes Socialistas de Galicia