• As Xuventudes Socialistas de Galicia presentaron este xoves en Santiago de Compostela a súa campaña cara o Orgullo 2022 baixo o lema “Galiza resiste con orgullo”
  • Xurxo Doval, secretario xeral, sinalou que “é loable a rectitude e mobilización social coa cal o colectivo responde ante cada golpe que recibe nun intre onde as agresións escalan e Rueda négaas co seu silencio”

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022

As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) presentaron este xoves, en Santiago de Compostela, a súa campaña cara o Orgullo 2022 baixo o lema “Galiza resiste con orgullo” coa que pretenden salientar a resistencia do colectivo no país cando “o odio está a volver ás rúas e a Xunta se limita aplicar un PIN institucional para non falar de dereitos”.

Dende a organización socialista, animan á cidadanía galega a saír a reivindicar unha igualdade plena entre as persoas “sen ter en conta a súa orientación sexual, identidade ou expresión de xénero”. Amosan o seu rexeitamento a unha xestión inexistente na materia polo PPdeG que tan só destina un 0,0002% dos orzamentos ao colectivo e manter equipos de goberno lgtbifóbicos, como o de Ourense con Jácome.

Xurxo Doval, secretario xeral, sinalou que “é loable a rectitude e mobilización social coa cal o colectivo responde ante cada golpe que recibe nun intre onde as agresións escalan e Rueda négaas co seu silencio”. “Se todo vai tan ben no país, por que somos a 3 rexión con maior taxa de discriminación laboral? Por que nos 3 últimos meses vivimos máis de 5 agresións homófobas? (a última a semana pasada).

O líder socialista lembrou que “ante a ineficacia do PPdeG están as respostas socialistas, como é a Lei Zerolo, froito doutras tantas leis precursoras, como fora a Lei LGTBI autonómica (do PSdeG) que, tristemente, Rueda descoñece, ben por desinterese, ou ben por interese político e electoral”.

O mozo socialista fai un chamamento a encher as rúas nas mobilizacións convocadas por todo o país e a asistir á lectura do manifesto de XSG que terá lugar na Alameda de Compostela o próximo sábado 25 ás 11:30 xunto a estatua de Federico García Lorca.

Xuventudes Socialistas de Galicia